A ACF O Fiadeiro de Vigo celebra este 12 de marzo unha gala para festexar por todo o alto o seu cuarto de século
No 1996 un grupo de rapaces e rapazas puxeron en marcha na cidade olívica unha asociación co obxectivo principal de recuperar a cultura tradicional galega. Para elo percorreron todo o país recollendo as músicas e os bailes que os nosos maiores gardaban na súa mente e no seu corazón.
O nome de ‘fiadeiro’, segundo recolle a Real Academia Galega, provén dunha reunión que se facía antigamente para fiar e que remataba con cantos e bailes. Así se denominaban esas xuntanzas no sueste galego. En cambio, en Ourense coñécense como seráns, na Coruña como ruadas e en Lugo como polavilas.
Tras este traballo de campo e investigación, este grupo leva anos representando esas pezas sobre unha morea de escenarios de toda Galicia e mesmo tamén do estranxeiro. Segundo explica a propia Agrupación Cultural Folclórica O Fiadeiro, nos seus espectáculos tentan transmitir da forma máis fiel posible as nosas melodías, cantos e bailes e trasladalos a un público amplo.
Dende a súa fundación, O Fiadeiro vén representando a gala ‘Esta noite hai unha fía’, ata en 8 ocasións ao longo dos anos. Destacan a do 2006, con motivo do X aniversario, e a do 2015: VIII Gala “Esta noite hai unha fía: Nas Catro Esquinas”.
Nestes espectáculos participa a sección de baile (conformada actualmente por 15 parellas mixtas), os grupos de pandeireteiras e pandeireteiros (10 voces femininas e masculinas respectivamente) e a sección musical (a charanga/orquestra conta con 8 músicos de vento e 2 de percusión).
Pero O Fiadeiro tamén ten unha escola con centos de alumnos que asisten a aulas de gaita, canto tradicional e pandeireta, baile tradicional, percusión, acordeón, etc. Dende os máis pequenos que acoden á asociación, os mestres tentan ensinarlles dende os aspectos básicos, como aprender a tocar un instrumento ou facer un punto de baile, ata inculcarlles o amor pola nosa tradición.
Paso a paso, todas estas persoas construíron 25 anos do Fiadeiro. E esta data merece unha celebración á altura. O grupo leva meses preparando un espectáculo audiovisual e de música e baile tradicional que leva por título ’25 anos fiando’. O seu fío condutor é unha peza que mestura documental e ficción para tratar de achegar ao público como é o mundo do folclore. Os propios actores e actrices que aparecen nel son membros da agrupación.

Xunto a esta curtametraxe estarán, como non podía ser doutro xeito, a música e o baile tradicional en directo para repasar ese sinalado aniversario. As persoas que supervisan e organizan o funcionamento de cada área son Sergio Martínez (baile), Tamara Costas (pandeireteiras), Diego Cabaleiro (pandeireteiros), Rafael Crespo (charanga e orquestra) e Begoña Martínez (vestiario tradicional).
Sergio Martínez foi unha das primeiras persoas que comezou no grupo. Para el “O Fiadeiro é unha forma de vida”, onde experimentou cousas boas e non tan fermosas, pero que ao fin e ao cabo lévano acompañando moito tempo. Martínez engade que esta gala será tamén un reto para el, xa que é a primeira na que el está como director de baile.
Cos billetes case esgotados, o Teatro García Barbón agarda a músicos e bailadores para vivir o 12 de marzo un día que dificilmente esquecerán. Varias xeracións subirán xuntas ao escenario. Inclusive, algúns artistas que tomarán parte non naceran cando O Fiadeiro botou a andar alá polo 1996. Unha mostra de que a escola e as novas xeracións veñen pisando forte coa mente posta en celebrar outros 25 anos e os que veñan.



















Deja un comentario