Galicia é un territorio cunha rica tradición oral, que se transmitiu de xeración en xeración ata chegar aos nosos días. Un idioma propio, cancións, lendas ou refráns constitúen a condición dun pobo no que moitos traballan porque esa esencia non desapareza
O que diga que Galicia
é terra de mil cantares
non o digan sen razón
que os temos a millares
Esta é unha copla tradicional presente na Xota de Riamonte, orixinaria do concello de Cervantes (Lugo). Ela xa denota a riqueza da tradición oral galega, sabedora en si mesma do seu gran valor.
Estudosos da poesía popular galega como Domingo Blanco sinalan que esta arte maniféstase ás veces simplemente de forma falada e tamén a través da música e a danza. Dentro da lírica popular tamén se inclúe o refraneiro, as adiviñanzas ou os chistes.
Os estudosos indican que a lírica oral galega tivo gran importancia entre os séculos XVIII e XIX. A sociedade empregábaa para divertirse ou relacionarse. Esta tradición oral transmitíase, máis alá de na vida cotiá, nalgúns encontros concretos. Estes eran os fiadeiros (segundo a RAG, “reunión que se facía para fiar e que remataba con cantos e bailes”), ruadas (festas ao aire libre), regueifas (disputas en verso, realizadas tamén nas vodas) ou muiñadas (a RAG defínea como “reunión que facían os mozos no muíño mentres esperaban a quenda da moenda”, onde tampouco faltaba a música e o baile).
Festas cíclicas do ano como o Nadal, o Aninovo, os Reis, o Entroido ou os Maios tamén contaban con cantares propios, así como as distintas fases da vida. Destacan os cantares de berce, dunha gran fermosura, ou cancións propias da xuventude.
Investigación e vida arredor do patrimonio cultural galego
Os investigadores Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio Costa destacan o papel das mulleres na tradición en publicacións como Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral. Poñen de manifesto que a música que facían as mulleres relegábase a un lugar secundario na sociedade, representada só no espazo cotián.
Ambos conforman o grupo de traballo Arredor da Tradición, creado no 2017. Este proxecto ten como piar fundamental o traballo sobre a música tradicional en diferentes eidos. Xulia Feixoo estudou etnomusicoloxía, camiño no que coñeceu a Guillerme Ignacio. El comezou a facer traballo de campo de compilación das músicas a finais dos anos 90.

Guillerme Ignacio Costa e Xulia Feixoo. / Foto: Rebelico Revista
Esas actividades denomínanse recollidas, é dicir, percorrer as aldeas conversando cos maiores para aprender o repertorio musical. Carme López, profesora da Universidade da Coruña, define esta labor como a realización de traballo de campo co obxectivo de compilar material audiovisual e información relacionada coa música e o baile de tradición oral. Comezaron a realizarse nos 80, pero o período máis álxido foi nos 90.
A pesar da beleza do ámbito da investigación, Guillerme Ignacio di que é un mundo “que está aínda en cueiros no país e que hai que darlle para adiante”. Precisamente a través dos seus traballos contribúen a achegar a cultura tradicional de Galicia aos que no presente non a coñecen tanto. “Permítelle chegar a tradición dun xeito rigoroso, e ao mesmo tempo ameno ou sinxelo, nun formato bastante doado de entender, a moitísima xente”, explica Xulia Feixoo.
Ela destaca tamén ás persoas que, a raíz dos seu traballos, lles picou “o gusaniño” e decidiron afondar máis nese eido. “Se compilamos e o material se queda nas arcas non sirve de nada”, recorda Guillerme Ignacio. Tamén continúa a reclamar a existencia de canles a través das cales o público poida achegarse a propostas deste tipo no tradicional.
Aínda que hai “tradicións orais apaixonantes” en moitas partes do mundo, Feixoo destaca a capacidade do caso galego de actualizar a tradición pasando a ser un elemento moi importante para a sociedade actual. En contraposición a outros lugares da Península Ibérica, no que se conservan pequenos elementos herdados sobre o ciclo do Nadal ou rituais agrarios, en Galicia atópase todo o abano de posibilidades relacionadas coa tradición. “Penso que somos un país moi afortunado nese sentido”, confesa.
Como se escoita a tradición oral no presente?
Máis aló do campo da investigación, esta tradición oral escóitase e vese de forma práctica nas formacións musicais. Esta herdanza é o pilar esencial de grupos como as pandeireteiras Lilaina. Estas catro mulleres aprenderon a música tradicional pola vía oral, como se facía antes. Explican que en Galicia ese é o xeito maioritario de aprender a nosa música, xa que “non existía na antigüidade un libro onde se explicase como facelo”. Para elas o fermoso tamén é que unha mesma peza vai ser diferente cada vez dependendo de quen a toque ou cante.

As pandeireteiras Lilaina durante a súa actuación xunto á Banda das Crechas na Foliada da Fonsagrada. / Foto: Rebelico Revista
Lilaina desenvolven un camiño de creación vinculado á tradición máis pura, no que empregan melodías que aprenderon dos informantes (persoas maiores que transmitiron os seus coñecementos sobre a tradición á xente máis nova) ou nas aulas de pandeireta ás que asistiron. Elas tratan de reproducir estas cancións “do xeito máis fiel que nos é posible, con moitísimo respecto e mimo”.
Pero non quedan aí, xa que tamén se abren en ocasións á experimentación, partindo, iso si, de sonoridades tradicionais. Ademais, tamén son quen de crear novas letras e melodías adaptándose á circunstancia concreta na que teñan que traballar. Neste sentido, teñen colaborado con destacados artistas do panorama actual. Non só galego, senón tamén nacional, como por exemplo Baiuca ou Vetusta Morla. Destacan de igual modo o caso doutros artistas como poden ser Tanxugueiras.
“Non deixan de ser proxectos que achegan ao presente melodías antiquísimas, facendo unha actualización das mesmas e poñéndoas a disposición de milleiros de persoas que non tiñan esa conexión con estas músicas tradicionais”, indican as Lilaina. Sobre todo, achegando a tradición á xente nova, “que estaba total e completamente desconectada da música de raíz da súa terra”.
Algunhas desas persoas poden chegar a conectar con este tipo de música porque se senten identificadas coas súas letras e co que contan. Salvando as circunstancias propias de cada época, nas coplas tradicionais están presentes sentimentos como o amor, o desengano, a nostalxia, a amizade, a tristeza ou a alegría que son comúns a distintos tempos, como sinalan as pandeireteiras Lilaina.

Pandeireteira da ACF O Fiadeiro durante unha actuación. / Foto: Rebelico Revista
Os membros de Arredor da Tradición opinan que tamén é labor da sociedade actual “peneirar un pouco” nas coplas tradicionais para ver “as que nos poidan valer ou non, iso é en esencia a tradición”. “Hai unha parte moi importante do cancioneiro que sigue sendo útil”, engaden.
A maiores, as Lilaina tamén poñen de relevo a gran capacidade artística daquelas persoas que sen apenas coñecementos de escritura ou música compoñían letras e melodías dunha gran beleza. Empregábanas para expresar como se sentían ou o que pensaban. Para elas “isto ten un mérito engadido enorme”.
O recoñecemento social
Con todo, parte desa sociedade vive de costas a este rico patrimonio, do que aínda hai anacos soterrados, por descoñecemento, desprezo ou descoido, que permanecen sen ver a luz. Montse Prieto, pandeireteira, manifesta que dende o seu punto de vista esta herdanza está pouco valorada pola poboación. “Moita xente amosa un sentimento despectivo cara este aspecto do noso patrimonio cultural, considerando que son de “paletos” ou de clases sociais baixas e sen cultura”, comenta.

Montse Prieto durante unha actuación do seu grupo de baile tradicional. / Foto: Rebelico Revista
Raquel Domínguez, tamén pandeireteira, é da mesma opinión de Montse Prieto. Domínguez explica que nestes últimos anos deuse un pouco máis a coñecer a tradición, talvez vinculada a fenómenos como o das Tanxugueiras. Malia iso, ela indica que aínda queda moito por facer para que saiban dela en máis ámbitos.
Tanto Montse Prieto e Raquel Domínguez como Arredor da Tradición coinciden na necesidade de favorecer o coñecemento da tradición oral galega dende as escolas, ofrecendo eses valores aos pequenos. “É tanto ou máis importante estudar a historia musical da nosa terra coma a historia da música clásica”, expón Raquel Domínguez.
Para Xulia Feixoo a clave tamén é a educación. Destaca que se “só o 3% das nenas e nenos aprenden a falar a lingua temos un gravísimo problema, porque se non hai lingua xa non hai nada máis”. Guillerme Ignacio reclama ás institucións galegas a implantación de máis medidas para preservar o noso. “Menos do que están facendo non poden facer, porque xa sería un absoluto escándalo”, asegura.
Así mesmo, as pandeireteiras Lilaina cren esencial que os principais festivais actuais sigan apostando pola música de raíz para encher os palcos e chegar a un público máis diverso.
A oralidade tradicional existe nos grandes eventos
Unha das grandes festas do país, onde se enxalza a tradición oral galega, e a música e o baile tradicional no seu conxunto, é a Foliada da Fonsagrada. Esta vila luguesa recibe cada decembro a amantes do ‘tradi’ chegados de distintos puntos de Galicia e tamén da veciña Asturias.
Laura Fernández-Alonso, membro da organización da Foliada, di que neste evento teñen en consideración a grupos que apostan pola tradición oral do país, xa sexan conxuntos máis consolidados ou outros máis emerxentes. Neste sentido, tentan amosar ademais as similitudes da tradición oral galega e asturiana traendo grupos procedentes desa comunidade, como por exemplo Algaire nesta última edición.

Loreto Suárez, compoñente de Algaire, durante a actuación do grupo na Foliada da Fonsagrada. / Foto: Rebelico Revista
Nas redes sociais da Foliada da Fonsagrada reciben acotío múltiples mensaxes de agradecemento. Moitas persoas “dannos as grazas por abrirlles os ollos e facerlles ver o bonito que é o ambiente que se forma neste tipo de homenaxes ou do importante que é conservar a tradición oral para seguir tendo unha identidade”.
A organización confórmana rapaces e rapazas novos da vila, de entre 17 e 28 anos, que traballan incansable e humildemente para planificar esta celebración. Mostra de que a mocidade galega si está comprometida coa tradición galega e coa súa conservación.

A organización da Foliada da Fonsagrada; Laura Fernández-Alonso na esquina inferior dereita. / Foto: Rebelico Revista
A gratitude dun pobo ás súas cantadoras
Outra vía de recoñecemento público do patrimonio da terra podería vir da man da dedicatoria do Día das Letras Galegas ás mulleres transmisoras dos cantares populares, como algunhas voces solicitan. Xulia Feixoo, Guillerme Ignacio e as Lilaina coinciden en que sería unha iniciativa fermosa que ben merecen esas mulleres.
Actualmente Feixoo tamén está a traballar na declaración da foliada como Ben de Interese Cultural. Ela participou na redacción dun informe para comezar o procedemento de catalogar esta festividade como BIC. Indica que un dos requisitos é que esta celebración estea viva. E estao porque “informantes, asociacións culturais, compiladoras e militantes en xeral permitiron que hoxe en día a tradición galega estea totalmente viva”, explica Xulia Feixoo.
O informe foi entregado á Xunta de Galicia, onde o seu persoal técnico o valorará. Posteriormente, redactarán un expediente que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOGA), tras o cal pedirán os apoios da comunidade. “É dicir, temos que abrir canles para apoiar co noso DNI, nome, sinatura, ese proxecto”, aclara Feixoo.
Todas estas actividades e accións relacionadas coa tradición deixan pegada nas persoas que participan nelas. Así o manifestan dende Arredor da Tradición, xa que no seu traballo de campo coñeceron a informantes moi especiais. “Era como un ser de luz”, di Xulia Feixoo sobre Hortensia, unha muller centenaria de Randufe (A Cañiza). “A min coñecer a aquela muller marcoume por dentro, xa non saín sendo a mesma persoa”, revela.
Eses son efectos da tradición oral nos que se somerxen nela. Non deixa indiferente a ninguén e mete no corpo e na alma o máis puro que garda un país. Porque xa o dicía Castelao, “Galicia conta cunha Tradición de valor imponderable, iso é o que importa para gañar o futuro”.

Deja un comentario