O músico Manuele Pardo reflexiona sobre a sonoridade compostelá e o gran papel que esta ten na conformación da identidade da cidade
Manuele Pardo Lareo (Boqueixón, 1994), non é dos que van polas rúas ao seu aire, cos auriculares postos e a música a todo volume. El prefire escoitar e observar o que o rodea ao percorrer Santiago de Compostela, unha cidade que coñece ben. El é mestre, pero tamén gaiteiro, pandeireteiro, cantareiro, bailador, e un longo etcétera de actividades relacionadas co mundo do tradicional galego. Parte do seu traballo neste eido desenvólvese en Santiago de Compostela, onde participa na histórica foliada da Casa das Crechas ou nas estalotadas, creadas por un grupo de persoas do barrio de San Pedro que se xuntaron para tocar nos bares.
Nunha cidade na que conflúen multitude de persoas de todo o mundo prodúcense sons e conversas moi diversas. «Mezclando arquitectura, as culturas que nos visitan e a música que temos aquí si que ten unha sonoridade especial«, afirma Manuele Pardo sobre a capital galega. Destaca o emocionante de chegar á catedral de Santiago, estandarte galego onde os haxa, escoitando o son dunha gaita. Esta melodía tan característica cobre cada pedra do Obradoiro e doutras prazas próximas. Ninguén consegue quedar alleo.
Este é un dos sons que a este músico lle gusta apreciar cando camiña pola cidade. «Nunca uso cascos porque sempre me gusta ver de que estou rodeado», confesa. Pardo considérase «unha persoa que repara bastante no que se escoita na cidade«. El detense en escoitar os distintos idiomas e palabras que se confunden en cada recuncho, así como o son profundo das campás. A máis famosa é a da Berenguela, que coa súa potencia informa do paso das horas a toda a cidade antiga.
A música que enche as rúas e os locais composteláns é un dos seus elementos máis característicos e abundantes, xa que noutras localidades como Vigo ou A Coruña non hai tantos lugares nos que tocar. «É un dos puntos fortes de Santiago, que por desgraza agora estase vendo mermado por leis que saen de que non se poden tocar máis de x horas, que é comprensible, pero na zona vella, hai locais que se prestan para a música en directo, que non molestas aos veciños e os bares teñen controlado o aforo«, apunta Manuele Pardo. Recorda cando nas foliadas da Casa das Crechas podían continuar coa música ata as dúas ou tres da madrugada, mentres que agora deben gardar os instrumentos á media noite.

Ese local do número tres da Vía Sacra é, como ben di o seu nome, unha casa na que chegan a convivir personalidades varias. «Creo que A Casa das Crechas é un encontro de culturas«, polo que pasaron persoas con violíns, gaitas escocesas ou flautas, que tocaron coa banda residente nalgunha das súas míticas foliadas, agora celebrándose durante bastantes mércores ao mes.
Pero a música en directo tamén está presente noutros barrios, como no de San Pedro, onde comezou a xuntarse para tocar nos locais de hostalaría da zona o grupo dos Estalotes. «Unha estalotada é unha foliada máis en si, ti podes chegar coa túa pandeireta e arrímaste e tocas«, explica Manuele Pardo, tamén asiduo a estes eventos. Porén non é «chegar e encher», xa que el sinala que todo aquel que queira tocar primeiro debe preguntar aos que organizan e gardar un certo respecto.
Pardo di que dende as institucións deberíase promover un permiso para dar cabida á música en directo, non só música tradicional ou folk, senón tamén doutros estilos. Cre que «se podería empuxar un pouco máis e que teríamos unha cidade moito máis rica musicalmente«. O músico valora como positivo todo o relativo á preservación das tradicións galegas e considera que se lle debería dar máis apoio a estas iniciativas.

Tras este percorrido pola sons de Compostela non se podía rematar doutra forma que non fose con música, e, xa que temos a oportunidade, coa voz e a pandeireta de Manuele Pardo, que vén de presentar este domingo 26 de marzo co grupo Ailá o segundo disco da formación, conformada por Ángela Carou, Abel Gañete, Xan Pampín e o propio Pardo. Así que, como el canta: «adiós villa de Santiago, adiós villa santiaguesa, adiós villa de Santiago, que algún día foi devesa«.

Deja un comentario