As características do traxe santiagués: unha das vestimentas distintivas desta terra

Etnógrafos como Clodio González ou Antón Fraguas describiron nas súas obras o traxe da capital galega

A riqueza do traxe tradicional galego é algo innegable, pero non moita xente coñece que este traxe ten elementos diferenciais segundo a zona xeográfica. A meteoroloxía, a orografía e as características de cada comarca galega condicionaban tamén a vestimenta dos séculos XIX e XX.

Polo tanto, os picheleiros tamén tiñan algúns elementos que diferenciaban o seu traxe tradicional. O etnógrafo Clodio González Pérez recolle no seu libro sobre o traxe tradicional galego a descrición que fixo José María Gil na Revista Galicia do vestiario dos santiagueses cando ían ao fiadeiro e á procesión dos inquisidores (dende o que agora é a praza de Galicia ata o convento de San Domingos de Bonaval).

Gil sinala que as mulleres anciás e pobres levaban unha cofia na cabeza, pero as que tiñan máis poder adquisitivo “teñen panos de muselín con floriñas vermellas”. El vía na procesión “mil saios de burel con lapelas de gra ou de baeta branca, mil calzóns de pana azul turquí con fermosos botóns esmaltados […], e dobre ou triplo de mulleres con brancas cofias engalanadas de cintas, e os ricos coses (corpiño) de moda”.

Mil saios de burel con lapelas de gra ou de baeta branca, mil calzóns de pana azul turquí con fermosos botóns esmaltados […], e dobre ou triplo de mulleres con brancas cofias engalanadas de cintas, e os ricos coses (corpiño) de moda.

José María Gil, Revista Galicia
La salida de misa, en una aldea de las cercanías de Santiago, cadro de Dionisio Fierros, 1862. / Foto: Museo del Prado

Neste cadro de Dionisio Fierros vese a mulleres e homes con traxes de gala, elas con cofias brancas e eles con monteiras, e outros con traxes máis humildes. Distintas clases sociais mesturábanse á saída da misa.

Unha das obras nas que se explica este tipo de vestiario é El traje gallego, do homenaxeado nas Letras Galegas no 2019 Antonio Fraguas Fraguas. El conta que as festas e romarías da comarca santiaguesa outorgaban un interese especial á zona.

As peculiaridades do traxe feminino

No caso das mulleres, Fraguas indica que na roupa interior adoitaban levar camisa de liño con algún adorno no pescozo, enagua e medias brancas. Enriba da camisa colocábase un xustillo de tea pechado con cordóns. Tamén levaban unha chambra (camisa longa) de pescozo volto e un xubón tamén de pescozo volto de mangas axustadas e adornos nos puños. Na cabeza podían levar unha cofia e unha cinta vermella no pelo.

Veciño de Santiago na feira (1924). / Foto: Ruth Matilda Anderson
Aldeáns en Santiago (1922). / Foto: Ruth Matilda Anderson

Na parte inferior, Antón Fraguas sinala que o traxe feminino compoñíase de dúas saias, o mantelo (de veludo con adornos de acibeche) e mantilla de pano negro tamén con acibeche. Nos pés calzaban zapatos con fibela, e en ocasións botíns con lazo e fibela.

En canto ás cores, o historiador sinala que predominaban o azul, o verde, o vermello e o castaño. Empregábanse materiais como a seda, pero variaban segundo o poder adquisitivo e o gusto de quen o vestía.

Que levaban os homes?

Por outra banda, os homes vestían tamén camisa de liño e chaqueta ou xubón de lá. Por riba ía un chaleco de pano verde ou pardo con adornos nas costas, chaqueta de pano curta para levar colgada no ombreiro, faixa branca e calzón de liño. As polainas (cobren as pernas ata o xeonllo) tamén dese mesmo material cunha franxa negra a modo de adorno. Nos pés os homes levaban zapatos e zocos, e na cabeza monteira, que evolucionou a unha gorra de viseira en ocasións.

No seu libro, Fraguas recolle que os últimos traxes lucidos polos homes polas rúas da capital galega no 1926 compoñíanse dunha monteira baixa, chaqueta con remonta, chaleco con varios petos, calzón con alzapón, medias brancas ou negras e zocos. En canto ás mulleres, paseaban co que o etnógrafo chama “traxe de transición”, cun pano na cabeza, outro rameado (con motivos florais) no pescozo, mandil e mantón.