Budiño: «O que máis me gusta é observar a música que está ao meu arredor»

O músico e compositor Xosé Manuel Budiño vén de publicar ‘Branca Vela’, o seu oitavo disco, no que dá importancia á percusión e volve poñer a gaita como un dos instrumentos principais

Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) non é un descoñecido na música tradicional galega. Leva 27 anos traballando neste campo, con oito álbums no mercado e tocando por países de todo o mundo, como Siria, China ou Cabo Verde. En ‘Branca Vela‘, o seu último traballo, volve renovarse e inspírase nos seus inicios no tradicional. Conta coa colaboración de destacadas voces do panorama galego como Leilía, De Vacas ou Guadi Galego, e con letras de Antía Otero e Manuel Rivas nalgúns dos seus temas.

  • Tivo algunha inspiración que o levase a crear ‘Branca Vela’?

Claro, moitas. ‘Branca Vela’ é como un punto de inflexión, todos os discos acaban sendo puntos de inflexión. Primeiro trato de sorprenderme a min mesmo facendo sempre algo distinto e iso implica intentar sorprender á xente e descolocala moitas veces. En ‘Branca Vela’ hai unha orixe. Creo que este era un ciclo no que volvía a esa primeira etapa que vivín da música tradicional. Empecei facendo música tradicional en cuartetos de gaitas, bandas de gaitas ou tocando moito para agrupacións de baile. ‘Branca Vela’ ten un punto de ir a ese momento, cando pasabamos aquelas tardes inesquecibles tocando para baile. Temos moito percorrido de moita festa. Con 14 ou 15 anos estabamos en todas as romarías. ‘Branca Vela’ ten un pouco ese punto, pero evidentemente sempre compoñendo. En todos os discos compoño todas as melodías. Nunca fago música tradicional e arranxos, senón que se hai algunha peza ou algún momento dun tema tradicional sempre explicamos de onde vén. Pero adoita ser unha melodía dentro dunha canción en cada disco. En todos os discos o que máis me gusta facer realmente é compoñer. Pero evidentemente sempre cos pés na terra, sabendo de onde vés e inspirándose na música tradicional.

  • Por que ‘Branca Vela’ como título? Cal é o seu significado?

Estame pasando cos últimos discos que a última canción que compoño dá a explicación de todo o disco e dese traballo de composición dun ano ou dous. Pasoume no disco anterior, co tema ‘Fulgor’, que foi o último que fixen e acabou chamándose o disco así tamén. ‘Branca Vela’ foi a última canción que compuxen para o disco e quería resumir neses tres minutos todo ese sentir que eu tiña coa música tradicional e a miña visión de composición. Nese último momento sentía que lle faltaba algo a esa canción. Non houbo que darlle moitas voltas para descubrir o que faltaba: as voces de Leilía. Envieille unha mensaxe a Felisa, que estaba en Marrocos nese momento, en decembro. Díxenlle: “Que fas a semana que vén?”. “Pois estou en Marrocos”, dixo. “Temos que quedar, teño algo aquí que non podo deixar pasar”, comenteille, e ela dixo: “Pois veña! Quedamos!”. Así que á semana seguinte estabamos xa con todas elas, con Leilía, ensaiando a canción e cinco días despois no estudio gravándoa. Pouco despois xa gravamos o vídeo. Decidimos que o disco tiña que chamarse como esa canción porque foi a última e resumía todo ese sentir. Ao mesmo tempo, son dúas palabras extraídas do poema ‘Chove miudiño’, de Rosalía de Castro. “Chove miudiño, miudiño chove, pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove… “, fala da ‘Branca Vela’. Collín esas dúas palabras para facer a letra da canción, os versos e os coros. Tiña que ser ‘Branca Vela’. A min enganchoume esa palabra e de quen viña, de Rosalía, e pareceume marabilloso poñela.      

‘Branca Vela’ foi a última canción que compuxen para o disco e quería resumir neses tres minutos todo ese sentir que eu tiña coa música tradicional

Budiño
  • E a ilustración da portada que reflicte?

A ilustración é da nosa ilustradora de cabeceira que é Ana Zon, de Ourense, agora afincada en Barcelona traballando. Sempre traballamos a distancia dende que está alí. O traballo con ela é intenso porque precisa escoitar as melodías, os borradores das cancións e as letras antes de comezar a facer o deseño. Levamos xa tres discos con ela. O primeiro foi ese 20 aniversario de ‘Paralaia’, para o que fixo un libro-disco; o segundo foi o anterior, ‘Fulgor’, e xa ‘Branca Vela’. Eu ía enviando os borradores das cancións e todas as letras para que se fose empapando. Cando nos deu o bosquexo, e xa logo o traballo rematado, foi marabilloso ver como ela está impregnada do disco. Están reflectidas nesa composición partes das letras. A xente cando comece a escoitalo e se fixe na portada vaise decatar perfectamente dese traballo tan chulo de escoitar e observar, para logo facelo propio e crear unha composición tan bonita como a que fixo Ana Zon.   

Portada do álbum ‘Branca Vela’ de Budiño, coa ilustración de Ana Zon. / Foto: Budiño
  • Sinalaba que neste último traballo buscaba “descolocar de novo ao público”, é unha renovación constante na súa ampla traxectoria?

Si, preciso cada pouco estar dándolle voltas e observar. O que máis me gusta facer é observar a música que está ao meu arredor. Esa xente nova que vén con tanta forza no mundo do ‘tradi’. É indubidable que ese caldo de cultivo se xerou durante moitos anos grazas a xente como Leilía, Mercedes Peón, Quique Peón con Xacarandaina, á Asociación O Fiadeiro, todos os coros que fun seguindo, gravacións antigas,… Hai unha semente para que agora haxa ese rexurdir tan forte da música en galego, que xa toca moitos paus, dende a electrónica, ao jazz, pop, rock,… Hai unha efervescencia incrible neste momento.      

Hai unha semente para que agora haxa ese rexurdir tan forte da música en galego

Budiño
  • Neste álbum colabora con Guadi Galego, Leilía ou De Vacas, considera as voces femininas como estandartes da música galega e da música tradicional?

Penso que por igual. O que aconteceu con ‘Branca Vela’ foi un cúmulo de casualidades, de querer contar con xente moi amiga. Con Leilía recordo a primeira vez que as vin. Tiñamos 20 anos, estabamos en Allariz nunha especie de foliada. Quedei totalmente sorprendidísimo. Dende ese momento comecei a seguilas, cos seus discos e todo o traballo que levan feito durante estes anos. Non che digo nada de Mercedes Peón, é como a miña irmá. Comezamos case xuntos e a admiración que lle teño é incrible, sobre todo por ese traballo de recollida que fixo durante tantos anos. Sempre lle chamo biblioteca andante porque cando preciso algo de inspiración con que esteas unha hora con Mercedes xa tes un disco feito. Quéroa moito e temos tocado moito xuntos. Que che vou contar de Guadi… que nos coñecemos dende a adolescencia. Guadi tocaba coa Banda de Cedeira, Robaleira, e eu coa Bandas de Gaitas de Vigo, con Xarabal. Seguinlle os pasos toda a vida e é unha grandísima amiga. De Vacas foi porque é admiración total do que fan no escenario. Elas son estupendas. Cando comecei a facer a canción ‘Fonte de Amorar’ pensei nelas porque creo que ía empastar moi ben o seu timbre e a súa sonoridade no disco. Aínda que hai tamén voces como a de Diego Cabaleiro, profesor de canto no Fiadeiro. Estivemos facendo contas e saíannos máis de 40 persoas que gravaron en ‘Branca Vela’. Hai outra casualidade que foi o coro infantil da Agrupación Xacarandaina. Falaba con Quique Peón para facer unha canción e eu non coñecía a esta escola tan pequena. De feito, a primeira opción era facer unha canción co coro de homes que ten Quique. Finalmente, comecei a rematar a canción e a poñerlle a letra, chamo a Quique e dígolle: “Estou rematando a canción e acaba de saírme unha canción para nenos, cunha letra para eles” e díxome: “Entón non o penses. Temos aquí unha escola de xente moi noviña. Tes que vir velas!”. Eran nenas de 10 a 12 anos. De repente, cando chego á escola de Xacarandaina xa coa canción que lles enviara, todas as nenas xa a escoitaran durante un par de días, sabíana e cantábana. A canción era ‘Un Dragón de Pé’, que fala dun dragón que está aprendendo a voar. Imaxinaba toda esta rapazada que está poñendo os seus primeiros pasos na música ‘tradi’ e a ilusión que teñen. Foi unha sorpresa que estiveran 21 rapazas gravando para o disco. Eu fun o primeiro sorprendido e creo que quedou moi chula a canción.

  • Tamén sinalaba que neste disco conta con letras de Manuel Rivas ou Antía Otero, en que temas podemos escoitalas?

Antía é unha grande amiga. Ela fixo unha letra para o disco anterior e pedinlle para este que me acompañara porque son fan de todo o que escribe. Ademais, é editora de Apiario, onde publican a miúdo dende novela a poesía. Ela fixo unha letra para a canción ‘Tren Hotel’, que ademais ten unha sorpresa ao principio. Hai unha voz en off simulando á operadora de tren. Déixoo como sorpresa e cada un que escoite e que pescude quen é. Pero é unha persoa moi coñecida á que lle teño un cariño moi especial porque é unha artista galega tremenda. A outra letra de Manuel Rivas son casualidades da vida. Antía, coa súa editorial Apiario, publicou o primeiro poemario de Manuel Rivas. Recordo que fomos ver a presentación dese poemario e el agasalloume o libro, fíxome algúns debuxos e unha dedicatoria. Léndoo quedei namorado dunha letra que é ‘O Tolo de Abril’. Así que un día escribinlle e díxenlle: “Manuel, estou tentando musicar esta letra que me ten tolo”, e respondeume: “Pois para adiante! Que sorpresa! Que ganas de escoitala”. Non lle volvín escribir ata ter a canción rematada e xa gravada con Guadi. É un grandísimo onde os haxa e para min era moi importante telo no disco.

  • Neste álbum sinalou que buscaba darlle importancia á percusión, cre que na música tradicional galega ao longo da historia a percusión foi infravalorada no canto da gaita?

É posible, teño eses recordos da adolescencia. Eu quedaba moi engaiolado cos percusionistas. Sobre todo porque tiven a oportunidade de tocar con percusionistas que eran xenios. Parecía que tocaban para nós, pero eu cría que estaba tocando para eles. Esa comuñón era a que daba a mellor das versións, por exemplo dun cuarteto ou quinteto de gaita. Eu empecei tocando cun tambor, un bombo, dúas gaitas e unha pandeireta. Tiña que estar moi pendente de que o bombo se tocase como tocaba ese rapaz e igual co tambor e a pandeireta. Nós repartiámonos a partes iguais o de ser front band. Eu entendía que a percusión era igual de importante que a gaita e sempre o tiven moi presente. Supoño que iso foime acompañando ao longo das gravacións e os discos. As ‘percus’ sempre as tiven moi presentes, pero si que é verdade que en ‘Branca Vela’ quixen que aínda tiveran máis importancia da que tiñan noutros discos. Practicamente todas as percusións son tradicionais e logo tratadas coa electrónica. Algunhas non e outras moito, pero si tratar de que empatara ben tanto a electrónica como a percusión tradicional.

Eu entendía que a percusión era igual de importante que a gaita e sempre o tiven moi presente

Budiño
  • Con ‘Branca Vela’ sinalou que buscaba “incitar a bailar”, considera que cada vez máis a música tradicional galega é quen de chegar a máis públicos por factores como ese?

Si. Eu levo dicindo isto toda a vida. Recordo cando me facían as primeiras entrevistas hai máis de 20 anos e preguntábanme: “Por que á xente nova lle gusta o que estades facendo? Cantando en galego, tocando instrumentos tradicionais,…”. A miña resposta sempre era a mesma. Dicía que a xente nova quere ver xente nova enriba do escenario, que sexan máis ou menos da súa xeración, dez anos arriba ou abaixo. Entón iso era o que estaba acontecendo. Éramos moi novos e nese momento decidimos coller a testemuña da profesionalización da música en galego. Practicamente non existían profesionais pensando, cantando e tocando en galego. Nese momento fomos a primeira ou segunda xeración en dedicarse profesionalmente á música de cheo. Entón acontecía que ía vernos aos concertos xente da nosa idade ou dez anos menores que estaban engaiolados con que xente nova estivera tocando unha música distinta e atractiva para eles. Iso é o que está acontecendo agora tamén. Moita xente nova vai ver a xente nova enriba do escenario. Iso é marabilloso.   

  • O álbum conta unha historia? Cal considera que é o nexo de unión dos diferentes temas?

Por unha parte, o meu mundo da música ‘tradi’. De feito, a primeira canción do disco chámase ‘Donón’ e abre cunha gravación antiga da Coral de Ruada, unha das primeiras gravacións en Galicia. Cando a escoitei dixen: “Esta gravación é a que ten que abrir o disco, porque necesito explicar de onde veño e onde estou neste momento». A onde quero ir tampouco me preocupa demasiado, preocúpame onde estou neste momento. Esa gravación antiga abre o disco e acabo tocando a gaita co coro. Aínda que pareza unha gaita gravada co coro, é a miña gaita tratada grazas á electrónica como se fose de hai 100 anos. Entón comeza con ese nexo de unión de onde vimos e desas primeiras gravacións para pasar á composición e onde estou neste momento. É ese punto de seguir compoñendo letras e músicas; a voz moi presente, por suposto, e sen abandonar o instrumento principal que é a gaita, co que comecei a tocar, que cobra un novo papel protagonista neste disco. No anterior quedárase apartada momentaneamente para experimentar con outras texturas que precisaba experimentar. En ‘Branca Vela’ colle máis protagonismo, pero non como noutros discos que ao mellor estaba de cabeceira, de parte principal da canción. Senón que gravo varias gaitas para que faga un colchón sonoro, eliminando todo tipo de teclados que podería ter utilizado. Fago capas imitando eses colchóns e teclados. Pero sempre son sons de gaitas, roncos ou frautas. Entón practicamente en todas as cancións hai gaita ou frauta dunha maneira ou outra. Nalgunha parte da canción si que colle protagonismo, pero volve marchar e aparece a voz. Gústame xogar con esas texturas, con diferentes sons e dinámicas.    

  • ‘Branca Vela’ foi tamén producido por vostede, síntese máis cómodo por esta vía que contando cun produtor alleo?

Dende o primeiro disco, dende ‘Paralaia’, foi o meu obxectivo: algún día chegar a ser produtor, ademais de músico e compositor. Pero interesábame moito esa faceta do estudio, da tecnoloxía que foi avanzando tanto nestes anos. Xa dende ‘Paralaia’ tiven a gran sorte de traballar en co-produción cun amigo de Bretaña, Jacky Molard, que foi o meu primeiro co-produtor. Pero a partir de aí en todos os demais discos decidín facer eu a produción. Non sei cal sería o cambio se alguén me producira a min un disco. Supoño que non sería posible porque é un traballo que me apaixona e teño o meu estudio dende hai moito tempo. Nel paso moitas horas estudando a parte técnica, das mesas de son, equipos, software, electrónica que vas mudando e collendo material novo. É un traballo que me apaixona e posiblemente nun futuro produza para outros. Teño xente que está chamando á porta para que lle produza. Igual nalgún momento decido producir a alguén.

Teño xente que está chamando á porta para que lle produza. Igual nalgún momento decido producir a alguén

Budiño
  • Que expectativas tedes de cara a esta xira de ‘Branca Vela’?

Estamos moi ilusionadas, temos formación nova para o disco. Está con nós Inés Salvado nas voces e nas ‘percus’ electrónicas e tradicionais. Tamén está Tania Caamaño coas voces, foi un descubrimento deste ano ben emocionante. Témola tamén no disco, xa que colabora na canción ‘Romaría do Caravel’, e en directo coas percusións e as voces. Ten moito andado na música tradicional, ademais de que lle gustan outras músicas e compoñer. Está moi na onda que estamos nós e estamos encantados. Logo está Cibrán Seixo co violín, coñecido polas foliadas das Crechas e moitas agrupacións, de tocar sempre no punto da música tradicional. Despois está un rapaz moi novo, Andrés Boutureira, que descubrimos hai pouco tamén. Creo que era unha das pezas clave para este disco porque toca todos os instrumentos que poidas imaxinar e ten unha capacidade innata, estamos encantados con el. Ten o punto de cantar ‘tradi’, toca todas as percusións galegas, ademais dos teclados e a parte electrónica. Ata bota un baile! É unha loucura ter a estas catro amigas tan interesantes. Tamén estamos levando vídeo en directo sincronizado con música. Iso tamén da un plus interesante a maiores. Pódense ver algunhas letras e parte dos vídeos que fomos facendo para ‘Branca Vela’. Fixemos catro vídeos para este disco. Decidimos apostar pola parte audiovisual e, de momento, non facer edición física. Acabaremos facéndoa para despois de verán, pero decidímonos primeiro polo audiovisual e logo xa virá a edición física para que a xente poida telo na casa se quere.  

Este 24 de xullo, Budiño e a súa banda tocarán en Sanxenxo. Uns días despois, o 28 de xullo, viaxarán ata Portugal para amosar a súa ‘Branca Vela’ no Festival Folk Celta Ponte da Barca. De seguro haberá moitas oportunidades para desfrutar en directo da súa música, que segue a innovarse e soar con forza por moitos anos que pasen.