O grupo de pandeireteiras Lagharteiras colaborou xunto a C. Tangana en ‘Oliveira Dos Cen Anos’, o himno do centenario do RC Celta
Sete mulleres galegas, que cantan en galego, colleron os seus sachos, pandeiras, pandeiretas e todos os instrumentos necesarios para ir a un estudio de gravación xunto a un rapaz chamado Antón que ten 9’7 millóns de oíntes mensuais en Spotify. A chamada de C. Tangana e o seu equipo ás Lagharteiras para participar no himno dos cen anos de vida do Celta foi tan inesperada como marabillosa. Co interese e investigación na nosa tradición do artista madrileño, de pai vigués, e o bo facer do grupo, viu á luz unha precisa obra mestra que xunta estilos e persoas moi diferentes. Nesta peza participaron un gran número de figuras da cultura tradicional de Galicia. Ademais das xa mencionadas Lagharteiras, tamén formaron parte as pandeireteiras Lilaina, Xosé Lois Romero, Xisco Feijoo, Quico Comesaña, Carme López, Xaquín Xesteira, as pandeireteiras de Toutón e un longo etcétera.
- Como encaixastes a proposta de participar neste proxecto do himno do centenario do Celta?
Foi para nós unha sorpresa, a verdade. Ao principio quizais nos asustou un pouco, un proxecto tan grande e ambicioso que quere incorporar música vocal e de raíz galega, pero o que nós facemos é do máis ‘tradi’ que hai. Cantamos (ou iso procuramos con todo o respecto e cariño do mundo) o que aprendemos das señoras de moitísimas aldeas galegas, e cantámolo coidando moitos detalles pero sen filtro de ningún tipo, sen atender ás tendencias musicais do momento. Despois, fomos vendo que o equipo tiña claro que encaixabamos no que buscaban. Cando nos mostraron o que había do himno ata o momento e nos dixeron que querían que cantaramos unhas cantigas, que tocaramos unhas percusións e que botaramos uns aturuxos pensamos: iso é o noso, facer foliada! Nese momento xa o miramos máis claro así que puxémonos a funcionar.
Ao principio quizais nos asustou un pouco, un proxecto tan grande e ambicioso que quere incorporar música vocal e de raíz galega, pero o que nós facemos é do máis ‘tradi’ que hai
Lagharteiras
- Que significou para vós participar no himno xunto a un artista de talle mundial como C. Tangana e dun estilo completamente distinto ao voso?
Cantar no himno do centenario do RC Celta é para nós unha honra, pois dun xeito ou outro todas temos vivencias e recordos relacionados co equipo da cidade. Certo é, que se participar no himno é algo que nunca se nos pasara pola cabeza, facelo con C. Tangana moito menos. De feito, aínda agora que xa o fixemos nos sorprende! Traballar con el e co seu equipo foi moi natural. Pucho interesouse polo noso traballo e o tratou con moito respecto e admiración. Gañounos cando descubrimos que coñecía o noso repertorio, o noso traxe e parte importante da nosa traxectoria. Non quería cambiarnos, non pretendía mudar nada do que somos, senón integralo na súa idea. Así que puidemos ser nós mesmas en todo momento. Un luxo vaia!
- Credes que isto axudará a apreciar máis a música tradicional galega fóra das nosas fronteiras?
Ao principio non pensamos niso pero ao pouco, nas nosas xuntanzas e ensaios, xa comentabamos a importancia de que a música galega de raíz estea presente en producións tan grandes e con tanta repercusión como esta. Non so fóra das nosas fronteiras, se non tamén dentro delas. Podermos chegar a tanta xente é unha verdadeira oportunidade para poñer en valor a nosa música e o que somos, un pobo cheo de mulleres e homes valentes e loitadoras que berran e pelexan o seu. É importante que a xente de aquí se sinta cada vez máis orgullosa da nosa cultura e da nosa lingua, que saiba que ser pandeireteira mola, que libera o peito, e que che fai conectar cunha identidade propia e colectiva que é moi difícil de explicar con palabras. Despois diso, de fomentar que o noso sexa máis e mellor valorado entre nós, cremos que chegar coa música vocal tradicional galega e en galego a todas as partes do mundo dentro dun traballo de C. Tangana, tan ben fiado e con tanta forza, ten que axudar si ou si a dar visibilidade e a poñer en valor a nosa música fóra. Gústanos pensar que isto fará que moita xente se fixe en Galiza e se deixe abraiar pola nosa xente, pola nosa fala, pola nosa música e en definitiva pola cultura galega.
Podermos chegar a tanta xente é unha verdadeira oportunidade para poñer en valor a nosa música e o que somos, un pobo cheo de mulleres e homes valentes e loitadoras que berran e pelexan o seu
Lagharteiras
C. Tangana realizou unha investigación previa en todo o relativo á cultura de raíz galega, visitando enclaves cruciais na música tradicional como Toutón (Mondariz, Pontevedra)
- Que comentarios recibistes respecto a incluír a música tradicional nun himno dun equipo de fútbol como o RC Celta?
De momento, só recibimos comentarios positivos de agradecemento, de admiración e de boas vibracións. O que máis nos din é que despois da parte da coral, que é marabillosa, cando entran as nosas voces poñen os pelos de punta. Pensamos por iso, que parte da maxia deste himno está na combinación de distintos estilos sen prexuízos e sen complexos. O día da gravación do vídeo foi algo así como unha proba de lume, pois iamos gravar no medio da afección, en plena noite, cando xa levaban varias horas filmando. Ese momento foi verdadeiramente máxico para nós. Non imos esquecer nunca como nos acolleron, como nos arrouparon, como cantaban con nós e vibraban con cada aturuxo e con cada toque. Fixéronnos sentir parte dun sentimento, dun proxecto común, dun orgullo e dunha ilusión. Poderosas no medio de todas e todos eles e parte imprescindible do himno. De aí a forza das imaxes nas que non fixo falta actuar nin finxir nada, só vivir ese momento. Despois de todo isto, decatámonos de que temos moito máis en común coas peñas celtistas do que pode parecer a simple vista pois, nun eido diferente, levamos moitos anos traballando no asociacionismo. Comprendemos e compartimos os valores de equipo, de traballo en obxectivos comúns, de colaboración, de apoio e de defensa do
noso e da nosa xente ante todo. Entendemos ese sentimento de pertenza a un colectivo que, ao mesmo tempo, forma parte doutros coas mesmas bases comúns aínda que poida haber pequenas diferencias. Valoramos coma eles o factor máis humano dos grupos de persoas e confiamos en que somos mellores e máis fortes cando xuntas miramos na mesa dirección.











Deja un comentario