A alma de Galicia en Lorient

Unha ducia de grupos e artistas galegos participaron do 4 ao 13 de agosto no Festival Intercéltico de Lorient, dedicado este ano a Irlanda

O día dous deste mes de agosto comezou a aventura dun dos protagonistas da historia que imos contar. Un rapaz chamado Iago subiu a un bus xunto a todos os seus compañeiros do Centro Cultural A Ponte Vella que os levaría dende a parroquia de Reis, en Teo, ata a Bretaña Francesa. Cargados de nervios e ilusión emprenderon rumbo a unha gran aventura. Pero non foron os únicos, xa que dende Sada, Cambre, Santiago de Compostela, Cerqueda ou Ourense tamén partiron artistas galegos. Xa fora en autocar ou con varias escalas de avión, pero todos tiñan un destino común en mente: o Festival Intercéltico de Lorient (FIL).

Lorient é unha localidade costeira pertencente á rexión da Bretaña Francesa. Ten aproximadamente 57.000 habitantes segundo os datos do 2019 do Instituto Nacional de Estatística galo. Durante a celebración do Festival Intercéltico de Lorient a cidade ve aumentada considerablemente a súa poboación, multiplicándose ata por 17 os seus habitantes e chegando ás 950.000 persoas aproximadamente nesta edición de 2023, segundo sinala a Delegación de Galicia.

O Festival Intercéltico de Lorient é un festival de música celta no que se dan cita as tradicións das nacións celtas. Estas son Escocia, Irlanda, Gales, Cornualles, a Illa de Man, Galicia, Asturias e a Bretaña, aínda que tamén adoitan convidar á que, dende a propia organización do Festival denominan, diáspora celta (os Estados Unidos, Acadia, Australia ou Nova Zelanda). Espectáculos, desfiles, feiras, conferencias, concertos e un longo etcétera durante 10 días e 10 noites. Nesta edición do 2023 o Festival celebrouse dende o 4 ao 13 de agosto e estivo dedicado a Irlanda.

Cartel do Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Foto: expo-congres.com

Galicia, ao igual que as demais nacións, contou cunha ampla representación no evento a través da Banda de Gaitas Queiroa de Sada, a Banda de Gaitas Sementeira de Cambre, o Centro Cultural A Ponte Vella de Teo, os grupos Ailá e Xascariz, Icía Varela na Celtic Odyssée, os grupos Uceira e Os Rapotes no Trofeo Loïc Raison, e Jorge Castelo, Rafael Carracedo, María López e Diego Prieto no Trofeo Mac Crimmon de gaita. Tamén varios membros da Delegación Galega participaron nun desfile de coleccións tradicionais ou impartindo masterclass de gaita, como foi o caso de Ismael García.

Dende Sada viaxou a Lorient a Banda de Gaitas Queiroa, feito que, segundo eles mesmos indican, supuxo un reto para a asociación. “Foi un orgullo xuntar a máis de 30 persoas en terras bretoas, experiencia que de seguro nos vai axudar a seguir medrando”, sinalan. Consideran un aspecto moi positivo a convivencia enriquecedora co resto de grupos, tanto no escenario como fóra del, xa que tamén eran habituais no Festival as foliadas. Para Queiroa foi “unha mestura de culturas onde desfrutaron dende a máis cativa (de 12 anos) ata os máis veteranos (de 66)”.

Fotografías da Banda de Gaitas Queiroa no Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Fotos: AMDT Queiroa

A Banda de Gaitas Queiroa no desfile da Gran Parade. / Vídeo: France TV

A Banda de Gaitas Sementeira de Cambre tamén estivo xunto a Queiroa no FIL. Esta asociación, recuperada no 2018 tras varias décadas de inactividade, ten colaborado con gaiteiros como Susana Seivane ou Carlos Núñez e organizado encontros, exposicións ou homenaxes. Por tanto, sinalan que participar neste evento foi para eles un recoñecemento á súa traxectoria e traballo nos últimos anos. Amosaron a súa proposta, “baseada en grande medida no repertorio da súa bisbarra”, e converteuse nunha experiencia “enriquecedora para o colectivo”, sobre todo dada a súa xuventude (18 anos de media). “A convivencia con outras agrupacións, o achegamento a outras músicas e propostas ou a posibilidade de enfrontar concertos de grande magnitude supoñen un antes e un despois na historia da agrupación”, expoñen desde Sementeira.

Fotografías da Banda de Gaitas Sementeira no Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Fotos: Banda de Gaitas Sementeira

A Banda de Gaitas Sementeira no desfile da Gran Parade. / Vídeo: France TV

Pola súa banda, o Centro Cultural A Ponte Vella de Reis (Teo) foi o encargado de poñer sobre o escenario de Lorient o baile tradicional galego. Iago Castro, un dos bailadores do grupo, di que “é unha experiencia que por moito que che digan tes que vivila nas túas propias carnes”. Sinala que foron dúas semanas moi intensas, nas que se aloxaron nunha residencia universitaria (xunto ás Bandas de Gaitas Queiroa e Sementeira). Iago Castro conta que os seus días en Francia transcorreron entre ensaios, actuacións, paseos, foliadas e algún que outro descanso, que tamén facía falta.

Fotografías do Centro Cultural A Ponte Vella no Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Fotos: CC A Ponte Vella

O CC A Ponte Vella durante o desfile da Gran Parade. / Vídeo: France TV

A emoción estaba presente a cada instante, como as bágoas da maior parte dos membros do grupo antes e despois de participar nas Noites Máxicas no Stade du Moustoir (o estadio do equipo de fútbol local). “Ás veces coméntase que tes que ir fóra para que valoren o teu, pero eu non me imaxinaba que houbera ese fenómeno fan” da cultura celta, sinala o bailador da Ponte Vella. Emocionouno especialmente a acollida do público no desfile da Gran Parada o domingo 6 de agosto. Finalmente, tamén engade que repetiría sen dúbida a experiencia e aconséllalle a todo o mundo que a viva se ten a oportunidade.

Entrevista a Iago Castro, bailador do Centro Cultural A Ponte Vella

Máis aló das Noites Máxicas (Celtic Horizons), nas que participaron estas tres agrupacións, no Festival de Lorient había moitos máis escenarios. Neles tocaron grupos galegos como os santiagueses Ailá. Para eles, acudir ao FIL por vez primeira converteuse nunha “lembranza inesquecible” e nunha “inmensa recompensa”, segundo revela Xan Pampín, compoñente do grupo xunto a Ángela Carou, Abel Gañete e Manuele Pardo. “Para Ailá significou saír do seu espazo de confort e vivir nunha constante expectación. Sabes que te vas a dirixir a un público cunha música que trata sobre a alma do teu pobo, que ademais ten unha expresión emocional diferente, unha lingua diferente e unha musicalidade e un baile diferentes”, explica Pampín. E ese público respondeu da mellor forma posible, entregado, participativo e xeneroso, especialmente, sinala o músico, no escenario de Quai de La Bretagne.

Dende Ailá agradecen especialmente a marabillosa acollida dos voluntarios do festival e da súa intérprete, Dominique Le Bleis. Tamén salientan o esforzo da Delegación de Galicia para que todo funcione correctamente. Lembran e agradecen “as festas na residencia, con dinoSeto e o chuky incluídos, […] e agradecer a Eliaz Le bot e Sterenn Toscer que nos levaran pola Tavarn ar Roue Morvan (a Casa das Crechas de Lorient!)”. Unha anécdota do seu traxecto cara terras francesas foi a perda do bombo do grupo nun dos avións que colleron. Malia a tardanza, por fortuna puideron recuperalo 20 días despois do extravío, polo que tamén agradecen a Iberia o seu retorno.

Ailá durante a súa participación no Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Fotos: Uxía García Conde e Festival Intercéltico de Lorient (Guy Le Guellec)

Outro grupo folk galego que tamén amosou a súa música en Lorient foi Xascariz. Para eles foi «unha experiencia única poder presentar nun festival tan potente o primeiro disco Regalía«. Confesan que quedaron abraiados coa entrega do público, «alucinamos un pouco xa que non somos un grupo moi coñecido«. Sinalan que en Galicia «deberíamos tomar nota» do feito de que esas persoas pagaran entrada para asistir ao concerto, xa que non era de balde.

Xascariz durante unha das súas actuacións no Festival Intercéltico de Lorient. / Foto: Xascariz

A participación galega continuou na Celtic Odyssée, un encontro entre artistas das oito nacións celtas. Icía Varela foi a encargada de representar á nosa terra. Para ela, “viaxar a Lorient significou un tremendo crecemento como persoa, tamén como artista, pero máis como persoa”. Serviu para que fora máis consciente de que aínda que houbera músicos de diferentes nacións, e todos co seu idioma, a música únenos máis do que pensamos. Outro aspecto que a fai sentir especialmente orgullosa foi “poder tocar un maneo recollido a Dolores de Martiño, de Cerqueda (parroquia de onde eu son), que de seguro desde o ceo desfrutouno co sorriso que tanto a caracterizaba”.

Icía Varela durante a Odisea Celta no Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Foto: Icía Varela

Pero o papel de Galicia aínda non rematou, xa que, como sinalabamos ao comezo, varios gaiteiros galegos concursaron no Trofeo Mac Crimmon de solistas de gaita, un deles foi o ourensán Diego Prieto. “Para min esta edición do festival Intercéltico de Lorient foi moi especial, porque á parte de ser unha honra representar a Galicia na final do Trofeo Mac Crimmon, foi especial porque puxen fin á etapa de participar en concursos”, explica. Prieto acadou un bo cuarto posto e agora, segundo el mesmo di, centrarase nos alumnos da súa escola TradiGaita para que continúen a manter os concursos. O tamén gaiteiro galego Rafael Carracedo alzouse como o subcampión do Mac Crimmon.

Diego Prieto dutante a súa participación no Trofeo Mac Crimmon. / Foto: Diego Prieto

Á cabeza desta ampla delegación galega atópase Pablo Seoane, que fai un balance “tremendamente bo” desta 52ª edición do FIL. Explica que este ano houbo récord de participación e de público con máis de 950.000 persoas de público directo, case un millón de asistentes. Outro dato relevante foi que se despacharon máis de 200.000 entradas. “É o festival europeo que máis público ten, que máis capacidade de mover artistas ten” (participaron máis de 4.500), destaca o delegado.

Pablo Seoane considera que tanto as Bandas de Gaitas Sementeira e Queiroa como o Centro Cultural A Ponte Vella fixeron un traballo impecable, no plano artístico e na convivencia no evento. En canto aos grupos Ailá e Xascariz, sinala que tamén tiveron “unha acollida moi boa de público e de venda de discos”. Ao igual que Icía Varela na Odisea Celta xunto á Orquestra Sinfónica do Festival. Destaca tamén a boa participación dos Rapotes no Trofeo Loïc Raison de música celta.

Seoane tamén transmite a satisfacción de Jean-Philippe Moras, o director xeral do Festival, con todas as delegacións. “Dende a parte que me toca, a de ser o delegado, sempre intentamos participar levando o máis xenuíno noso, o tradicional, que é o que o público bretón sempre nos pide, que levemos cousas orixinais de aquí, non bandas copiadas das escocesas”, recorda. Os traxes e as músicas galegas son do que máis gusta á audiencia. Pablo Seoane sinala que para o público “somos exóticos porque somos os celtas do sur, nós e máis os asturianos”.

Público nun dos concertos do Festival Intercéltico de Lorient 2023. / Foto: Festival Intercéltico de Lorient (Guy Le Guellec)

O orgullo por esta edición da Delegación galega compártese tamén por todos os grupos e artistas participantes. Conseguiron transmitir do mellor xeito posible a cultura galega en Lorient e ensináronlles ao mundo toda a riqueza cultural de Galicia. Sen deterse, e coa vista posta xa no futuro, a edición do Festival Intercéltico de Lorient do vindeiro ano estará dedicada á xuventude celta. O compoñente interxeracional é un dos puntos fortes do evento, segundo destaca a propia organización. No 2024 volverán viaxar a Lorient mozas, mozos, persoas de todas as idades, para desfrutar de novo dunha experiencia que marcará as súas vidas e faranos sentir, outra vez, un gran orgullo por ter a cultura de raíz que temos.