O certame ten abertas as súas inscricións ata o 10 de marzo
Os Premios Martín Códax da Música levan xa dez anos, neste 2024 será a súa undécima edición, sendo os galardóns de referencia para a música galega. Todo o sector ten a ollada posta neles, onde se presentan novos artistas que comezan a sobresaír, medios de comunicación de difusión musical ou os festivais máis destacados do noso país.
Sheila Patricia, presidenta da Asociación de Músicas ao Vivo (entidade organizadora dos premios), sinala que tratan de que haxa categorías suficientes para representar o abano máis amplo posible do ecosistema musical. Os organizadores dos Martín Códax tratan «de visibilizar carreiras de artistas que están en activo» e que sacaron novo material recentemente. En palabras de Sheila Patricia, estes premios son «un punto de visibilidade importante«.
Todos aqueles que desexen inscribirse poden facelo ata o vindeiro 10 de marzo. Unha vez concluída esta fase, e cando xa se conozan os finalistas, aparece unha gran novidade nesta edición: o público xeral vai poder votar. O 50% corresponderá ao público e a outra metade aos socios e socias de Músicas ao Vivo.
Sheila Patricia lanza un chamamento aos artistas para que se presenten aos premios, xa que están encantados de recibir as novas propostas. «É unha oportunidade para visualizar proxectos que están na súa casa creando ou só nas redes, é como levalo ao vivo«, indica a presidenta da entidade organizadora.

Dende o seu punto de vista, actualmente vivimos unha «época creativa potente«, pero antes tamén houbo bos momentos neste senso. Con todo, ás veces en Galicia non somos de todo conscientes da calidade musical que nos rodea, «só hai que ver os carteis dos festivais«, di Sheila Patricia. Para ela é unha obriga dos programadores levar a eses escenarios propostas de aquí, «é unha magoa que non programen máis música en galego«.
Co obxectivo de seguir difundindo a nosa música os Premios Martín Códax levarán adiante a súa edición número XI neste 2024. Numerosos proxectos volverán poñer sobre a palestra a riqueza da música galega.

Deja un comentario