A Delegación e os grupos e artistas galegos fan balance da participación na 53ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, dedicada ás novas xeracións das nacións celtas
Moitos días, tardes, noites, fins de semana e horas de tempo libre dedicadas a cumprir o soño dunha experiencia que acontece poucas veces na vida. Os galegos que estiveron do 12 ao 18 de agosto na Bretaña francesa foron os embaixadores e representantes dun dos bens máis prezados que temos como pobo: a nosa tradición.
Cara ao Festival Intercéltico de Lorient (FIL), considerado o máis importante do mundo destas características, partiron Rebulir Cultura Tradicional, a Banda de Gaitas Arume de Malvas, Caldo, Carlos Núñez, María López, Manu Seoane, Laura Iglesias, Ismael García, Adrián García, Xesús Rodríguez e os Santacombers, entre outros membros da delegación.

Neste 2024 o evento non se lle dedicaba a ningunha nación en concreto, como viña sucedendo nos últimos tempos, senón á xuventude dos oito países celtas e da diáspora celta (os Estados Unidos, Acadia, Australia ou Nova Zelanda). Entre esas novas xeracións están Laura Iglesias e Manu Seoane, que participaron no Campus Musical Intercéltico de intérpretes novos.
Para Laura Iglesias foron dúas semanas de moita aprendizaxe. “Foi un pracer poder traballar coas miñas compañeiras e ver como todos os nosos folclores encaixaban ao pasar os días”, sinala. Tamén salienta o positivo que é facer conexións con xente de diversos países e coñecelos máis aló da música.
Esta experiencia tamén supuxo un reto, xa que segundo conta Laura unha das aprendizaxes máis valiosas coas que volve é a de enfrontarse “por primeira vez a cantar soa nun escenario ante un público como o deste festival e perderlle o medo a cantar e tocar cousas novas”.
Eses coñecementos que adquirían amosáronos en diferentes concertos que deron no Festival. Laura gárdalle “moito cariño ao último e á celebración da última noite, todas xuntas e contentas polo traballo que fixeramos”. Nesas actuacións a reposta do público sempre era favorable: “Era moi reconfortante, porque se saía descontenta dalgunha actuación axudaba moito a manter o ánimo que viñeran dicirme que lles gustaba moito o cantar das galegas”.
“A xente era moi agradecida, sempre había alguén que nos paraba pola rúa ao rematar o concerto para darnos os parabéns e dicirnos que o fixeramos xenial”
Laura Iglesias
Pola súa banda, Manu Seoane sente o Festival de Lorient como “unha segunda casa”, á que ir sempre vai acompañada “dunha sensación de familiaridade”. Ata o de agora sempre fora para participar no Trofeo MacCrimmon de solistas de gaita. Aínda que nesta edición non tiña pensado concursar finalmente acudiu pola baixa de última hora dun compañeiro. “Case non puiden preparalo e incluso foi o atractivo deste ano, ir un pouco in extremis. Aínda así, é un escenario que, pese a ser difícil, é moi emocionante tocar alí representando a Galicia e competir con xente tan talentosa”, conta Manu.

Pero o Interceltic Music Camp (IMC) foi o que “realmente me devolveu unha ilusión xenuína polo festival, xa que me permitiu conectar con moita xente de outros lugares a través da música”, algo case inviable nas anteriores ocasións nas que acudira. Seoane cualifica a experiencia como “moi intensa”, na que conviviron 16 persoas (oito en cada grupo). Explica que na primeira semana traballaron nove horas diarias para preparar os proxectos e na segunda tiñan dous concertos diarios. En todo momento sentiuse “súper ben rodeado, coidado e arroupado por todos os integrantes do proxecto, especialmente polos da banda da que eu formaba parte (a IMC 2) que ademais de musicazos son excelentes persoas”.
«Malia que o concurso fose unha boa experiencia xa coñecida, o IMC foi o que realmente me devolveu unha ilusión xenuína polo festival, xa que me permitiu conectar con moita xente de outros lugares a través da música»
Manu Seoane
De entre todo isto, Manu Seoane queda con dous momentos: a fase de preparación da banda IMC 2, “pola conexión con toda a xente”, e a colaboración no concerto de Caldo, polo durante e o post concerto. Ademais, conta que neste último caso, “nunca puidera tocar en horario nocturno no festival e a enerxía foi impresionante”.
Xa de volta en Galicia, Manu reflexiona sobre a capacidade para “conectar e compartir” da música folk ou tradicional. “Moitas veces creo que lle damos á música un enfoque, quizais non erróneo, mais si afastado do desfrute e esquecéndonos do que realmente importa”, di o músico galego. Garda desta experiencia a reconexión “co que era desfrutar da música en comunidade e creo que me quedaría con iso por riba de todo”.
Como indicaba Laura Iglesias, Manu Seoane tamén se sentiu valorado polo público de Lorient, que sempre os recibía de forma cálida, “con ganas de escoitarnos e de pasar un bo rato connosco”. De feito, conta que “realmente, aínda non son capaz de dixerir toda a enerxía que nos brindou o público do festival, en especial o da carpa Terrasses du Festival”.
Outro dos espectáculos destacados da programación do FIL é o Celtic Odyssée, un encontro de artistas das diferentes nacións no que participou a multiinstrumentista naronesa María López. Para ela “foi unha gran aprendizaxe como músico xa que puiden observar e compartir escenario con persoas que senten a música de diversos xeitos e que teñen moitísma experiencia”.
María López pon de manifesto que “aínda falando diferentes idiomas e tendo culturas dispares, en poucos minutos estabamos a interpretar as obras sen ningunha dificultade”. Sinala que o trato recibido polos seus compañeiros e compañeiras e polo público do Festival foi excepcional. “ O espectáculo era de pago e aínda así, o teatro estaba cheo”, engade.
«Aínda falando diferentes idiomas e tendo culturas dispares, en poucos minutos estabamos a interpretar as obras sen ningunha dificultade»
María López

Neste 2024 un dos conxuntos galegos que viaxou ata a Bretaña foi Rebulir Cultura Tradicional, dende Ramirás (Ourense). Para Fran Vázquez, bailador do grupo, acudir a Lorient “supuxo cumprir un soño”. Aínda máis emocionante foi “facelo, nunha asociación humilde, dun concello pequeno, cos recursos limitados, que traballa ano a ano para seguir sacando proxectos adiante”.
Pero sobre todo, foi “moi bonito facelo sabendo que toda a xente que hai no grupo a podes considerar familia porque pasamos por moito e todos fixemos moitos esforzos para poder ensaiar, ir ao festival e moitas veces mesmo para seguir no grupo a pesar da distancia ou da falta de tempo”, conta Fran.
No día antes da primeira Noite Máxica (Horizons Celtiques) houbo un momento que a Fran marcoulle especialmente. Estaban a ensaiar pola noite no Stade du Moustoir baleiro, onde se celebran os grandes espectáculos do FIL. “Estar alí bailando, mirar para dentro da roda e ver a todo o grupo coas camisetas de Rebulir e con toda a contorna, dixen: Fixémolo, chegamos ata aquí, que pasada”, confesa.
“O momento no que saes por ese túnel de vestiarios do estadio, acórdome ademais que facía algo de frío ese día, que respiras ese aire fresco do aire libre e con toda a grada ás costas, iso é inesquecible”
Fran Vázquez, Rebulir Cultura Tradicional
A aprendizaxe máis valiosa coa que volve Fran de Lorient é a de saber que “con traballo e esforzo moitas veces chegas a onde parece impensable e que un conxunto unido é moito máis que a suma de cada unha das súas partes”. Extrapola isto tamén á propia organización do certame, xa que todos os traballadores ou voluntarios están “ca mesma idea e o mesmo obxectivo, sen todo iso sería imposible que fose o que é o Festival”. Agradece tamén as facilidades que lle dá a organización aos artistas, como o acceso a todos os eventos ou ao transporte público da cidade.
En todo momento sentíronse apreciados polos espectadores do FIL, totalmente entregados “daba igual que fixera frío, chovese ou o que fóra que sempre había moito público”. No último día, cando realizaron unha actuación máis longa nun dos escenarios do Festival, o tempo non acompañaba, máis ben animaba a quedar a cuberto. Porén, “estaba a praza con moito público e todos con chuvasqueiros, con paraugas e o que fixera falta para vernos”.
Fran sentiuse especialmente impactado pola cantidade de persoas que había na Grande Parade das Nacións Celtas, coas rúas e o estadio no que remataba o desfile repletos de xente. “Non debeu haber ninguén en toda a Bretaña que quedase na casa ese día”, indica.
Por outro lado, outro numeroso grupo galego que participou no FIL é a Banda de Gaitas Arume de Malvas de Tui (Pontevedra). Ramón Corral (director de percusión) e Diego Alonso (director de gaita) contan que representar a Galicia en Lorient “ademais dun orgullo e unha responsabilidade, supuxo un cambio na metodoloxía de traballo, nova organización e sobre todo unha evolución en todos os sentidos para a propia banda”.
Ao igual que Fran Vázquez, lembran a entrada no Stade du Moustoir na primeira Noite Máxica como un dos grandes momentos do Festival, ao igual que o concerto grande en escenario, a Grande Parade e as actuacións nas residencias de maiores, estas últimas “foron moi emotivas”.
«Para nós, acudir ao Festival Intercéltico de Lorient representando a Galicia como banda de gaitas, ademais dun orgullo e unha responsabilidade, supuxo un cambio na metodoloxía de traballo, nova organización e sobre todo unha evolución en todos os sentidos para a propia banda»
Ramón Corral e Diego Alonso, Arume de Malvas
Se tiveran que decantarse por algo en concreto apuntan ao “respecto e ao valor que a xente da Bretaña lle deu á nosa música e á nosa cultura”. Por exemplo, “sendo respectuosos e gardando silencio mentres actuabamos, aplaudindo cando procedía ou non meténdose entre a formación mentres desfilábamos”, contan Ramón Corral e Diego Alonso.
O coñecemento que Arume de Malvas adquiriu en Lorient vai dende ideas novas para o repertorio ata “moita información do que se está cocendo a nivel musical nas bagads e outras bandas coma as asturianas”. Deixan unha mensaxe para o futuro: “As aprendizaxes que adquirimos en Lorient de seguro que se verán reflectidas no noso colectivo a curto, medio e longo prazo”.
Un grupo que tamén volveu de Francia cargado de boas sensacións foi Caldo. A formación composta por María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas describe esta experiencia como “brutal”. Pedro xa acudira en anteriores ocasións ou ben para participar no Trofeo MacCrimmon ou para tocar con outros conxuntos folk ou tradicionais. Para María e Anaïs “foi a nosa primeira vez e a verdade é que se cumpriron todas as nosas expectativas”.
Tocar no Festival de Lorient supuxo “un paso máis” para Caldo. Consideran que “levar as nosas músicas fóra do Estado español sempre é un orgullo”, pero facelo nun “festival tan mítico no que tocaron tantas bandas e artistas que seguen sendo referentes nosos a día de hoxe foi un subidón”.
Gardan como un dos mellores recordos “as tocatas no backstage”, xa que era o único espazo no que podían alongar algo máis a noite. Aí coincidiron con músicos de moitos lugares, “entre elxs, colegas asturianas cos que temos moita amizade”. Os tres concordan en que iso mesmo, a xente, é unha das mellores cousas que traen da Bretaña francesa. “Tanto o público, como a organización e equipo técnico tratáronnos de luxo”, sinalan.
Aínda que ao comezo tiñan máis dúbidas de como reaccionarían os espectadores aos seus ritmos e músicas finalmente “fixemos súper match coa xente que acudiu aos nosos concertos”. Ademais, “sentímonos moi arroupadas de poder colaborar nos nosos concertos con compas galegas como Manu Seoane ou Alba Faro”, o que “fixo do noso paso polo Intercéltico algo redondo e inesquecible”.

No seu paso por Lorient Caldo aprendeu que “para tocar ás 00h, como tocamos o último día, hai que meter moito bombo a negras; que para ir a Lorient en avión hai que facer escala e esperar cinco horas e que os bretóns son adorables, pero lles custa entender as xotas”. Pero sen dúbida, “é unha experiencia que repetiríamos”.
«Penso que estamos as tres dacordo en que outra das mellores cousas que nos levamos de Lorient é a xente. Tanto o público, como a organización e equipo técnico tratáronnos de luxo»
Caldo
Como no caso do Trofeo Mac Crimmon no que participaron Manu Seoane, Ismael García, Adrián García e Xesús Rodríguez, o Festival Intercéltico de Lorient conta con outros concursos como é o Trofeo Loïc Raison. Este certame ten como finalidade promover os grupos musicais e de canto, xa sexan profesionais ou non, inspirados na tradición dalgún dos países celtas.
Por parte de Galicia concursaron os Santacombers, pero Adrián, un dos membros da formación, conta que isto foi totalmente inesperado. “O día anterior contactou con nós unha rapaza que coñecía eu de Asturias que é voluntaria na organización no Loïc Raison pedíndome axuda porque se lles caera un grupo. Foi aí cando falando cos Santacombers decidimos anotarnos”, explica. Tiveron que realizar fichaxes de última hora como a de Justin, un guitarrista galés, e a de David, un acordeonista que estaba coa agrupación, “e partir de aí tirar cara adiante!”.
Finalmente, Adrián considera que a experiencia “foi francamente fermosa” e “pasámolo incrible”, aínda que non puideron tocar todas as pezas que conseguiran preparar. Malia a chuvia, “o público estivo realmente involucrado con nós e aguantou baixo os trompicóns de auga”.
«Casualmente é a participación no concurso Loïc Raison xa que foi algo que non esperábamos ningún de nós e pasámolo increíble»
Adrián, Santacombers
Tanto Adrián como os seus compañeiros de Santa Comba acoden asiduamente a Lorient como colaboradores da Delegación Galega. “A nosa principal función é realizar as gardas para a entrada e saída dos músicos dentro das residencias e manter contacto co responsable de seguridade do festival no caso de que calquera incidente ocorrese”, explica Adrián.
Así mesmo, Pablo Seoane, Delegado de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, revela que o balance desta edición “non pode ser máis positivo”. No equipo galego houbo “profesionalidade, ben estar, compañeirismo, ganas de participar…”.
Un aspecto destacado neste 2024 foi a inclusión de elementos e personaxes do entroido galego da man de Rebulir e a acollida “como esperábamos, foi incrible”. “Desde fai tempo desde a Delegación, temos a teima de que en Bretaña coñezan os nosos entroidos e este ano non podíamos deixar de pasar a ocasión de levar cousas do entroido ourensán e grazas a Rebulir conseguiuse”, conta Seoane. Polo tanto, “o público flipou”. Coma todos os anos volven “moi encantados da acollida dos nosos grupos”.
«Desde fai tempo desde a Delegación, temos a teima de que en Bretaña coñezan os nosos entroidos e este ano non podíamos deixar de pasar a ocasión de levar cousas do entroido ourensán»
Pablo Seoane, Delegado de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient
Unhas semanas despois de que finalizara xa se coñece que o FIL tivo máis de 650.000 asistentes e máis de 160.000 entradas e distintivos vendidos. En total o desfile da Grande Parada reuniu a 92.000 persoas en Lorient e a transmisión por France 3 National congregou a un millón de persoas diante dos seus televisores.

De cara ao vindeiro ano, a 54ª edición do Festival Intercéltico de Lorient vaise celebrar do 1 ao 10 de agosto de 2025. Nesa ocasión estará dedicado ás nacións americanas, “dende o Quebec, Montreal, Arcadie ata máis ao sur como Louisiana”, sinala Pablo Seoane.
Cómpre decidir tamén que grupos e artistas representarán a Galicia no 2025, pero polo momento quedamos co bo sabor de boca dos que o fixeron este ano. Demostrado queda que nesta terra temos cultura, tradición, potencial e talento para rato.




















Deja un comentario