O artista galego valora o comezo da xira de Barullo e o éxito das catro datas esgotadas na Sala Capitol
Alejandro Guillán Castaño (Catoira, 1990), máis coñecido como Baiuca, vén de conseguir un novo fito na música galega: encher catro días seguidos a Sala Capitol de Santiago de Compostela co seu Barullo. Este é só o comezo dun 2025 que estará repleto de concertos para a banda.
- Como te sentes ante este éxito de catro datas consecutivas esgotadas en Compostela?
Moi ben. A verdade que foi unha sensación moi positiva todos os días e desfrutámolo moito. Todo o equipo está súper contento. Eu notaba que foron tamén uns días moi familiares en canto á convivencia de todos. Despois tamén ver como foi esa maxia que sempre se produce co público foi moi boa. A verdade que estou moi contento.

- Como vos sentides ao ser profetas na terra con tanto éxito en Santiago e en Galicia?
Sempre é algo bonito. Creo que o proxecto o positivo que ten é que funciona moi ben fóra e funciona moi ben na casa. Ao final non sempre é sinxelo, hai proxectos que non conseguen saír de Galicia. En cambio hai outros que lles pasa o contrario, son capaces de xerar unha comuñón co público fóra moi grande e cando están na casa é moi complicado. Para min poder ter esta experiencia positiva en ambos lugares, é dicir cando saio fóra e cando estou tocando en Galicia, é algo súper bonito.
«Para min poder ter esta experiencia positiva en ambos lugares, cando saio fóra e cando estou tocando en Galicia, é algo súper bonito»
- Cansos despois de todos estes concertos?
Creo que levámolo ben. Ao final estamos comezando a xira. Sabemos que vai ser un ano longo, como todos en xeral, pero este vai ser un ano de moitos concertos. A verdade que o ano pasado xa foi un gran ano, pero este ano aínda vai ser máis intenso. Xa coa saída de Barullo en outono é o ano total de presentar este disco e de poder tocar en todos lados.
- Como foi a acollida do público nestes concertos? A xente estaba conectada?
Si, moito. A verdade que eu desfruto todo tipo de experiencias, cando vou por exemplo a un festival, pero o bo que teñen as salas é que a xente vén porque che quere ver a ti. Mercan a entrada para verte a ti. Todo o público vén para o mesmo, para desfrutar do teu concerto. Nos festivais, en cambio, non todo o mundo vén verte a ti e tes a oportunidade de que de súpeto xente que non che coñeza poida engancharse á túa música. Pero claro, cando todo o mundo vén a propósito para o teu concerto é cando se produce esa maxia de que todo o mundo está aliñado para estar todos a unha e que sexa algo moi especial. Ademais, as salas sempre apretan, por así dicilo. Ao final son espazos pechados nos que tes ao público máis preto e é algo moi intenso. Despois tamén é moi bonito ver como ao rematar os concertos sempre tes a oportunidade de coñecer a parte dese público, de poder charlar coa xente. Sempre son experiencias moi boas.
«Cando todo o mundo vén a propósito para o teu concerto é cando se produce esa maxia de que todo o mundo está aliñado para estar todos a unha e que sexa algo moi especial»
- Por que Barullo como título? Moitos elementos xuntos?
Eu intento sempre que todos os títulos, tanto das cancións como dos discos sexan unha palabra. Salvo algún sinxelo en concreto ou algunha colaboración con outro artista, pero practicamente o 95% ou 97% da miña discografía son títulos dunha palabra. Sempre teño que buscar a forma de sintetizar, de que a idea global de cada disco sexa unha palabra que poida definirse de diferentes formas. Barullo gustábame moito a idea de moita xente bailando, era algo que estaba todo o rato na miña cabeza cando estaba facendo as cancións. De súpeto empecei a facer un disco que saíu máis de bailar, un disco con cancións máis rápidas do que adoitaba facer. Todo o rato imaxinábame ese barullo da xente desfrutando dun concerto como puido ser calquera destes da Capitol. A verdade que a sensación en directo destes temas é incrible. Eu creo que hai temas como por exemplo Ribeirana que se están quedando no repertorio como temas fundamentais dentro dos shows. De feito estes catro días pechamos con Ribeirana e foi algo incrible. Creo que dalgún xeito esta palabra Barullo define un pouco a idea do que eu quería facer, do que son tamén os concertos.
«Barullo gustábame moito a idea de moita xente bailando, era algo que estaba todo o rato na miña cabeza cando estaba facendo as cancións»

- Que obxectivo tiñas ou que querías experimentar con este novo traballo? Algo novo con respecto ao que fixeras anteriormente?
Si, para min sempre. Cada disco é un experimento novo. Non me gusta repetirme nin me gustan os artistas que se repiten. Ao final a miña traxectoria intento vela como a min me gusta que os artistas vaian facendo as súas carreiras. Entón se a min non me gusta un artista que vai facer un disco igual ao anterior tampouco me gustaría a min facelo. Sempre intento que cada proxecto sexa un paso adiante. Pode ser un paso que nalgún momento non conecte co público e é algo que teño totalmente asumido. De feito este disco foi algo que tiña clarísimo dende practicamente o principio de que o empecei a facer: se de súpeto non conectaba co público non ía pasar nada porque realmente eu o que quería era seguir facendo a música que a min me gusta e que me apetece facer. Creo que o bo é tamén cando un vai creando unha traxectoria acaba tendo tamén esa relación co público e ao final a xente vai seguindo a túa traxectoria e os camiños que vas facendo. Creo que para min tamén é bonito non só que se siga sumando público a escoitar a miña música e os concertos, senón que tamén o público que leva dende o principio, dende as primeiras cancións, síganlle gustando todas estas músicas novas. Aínda que sexan moi diferentes do que se facía anteriormente. De todos os xeitos creo que ao final cada disco e cada canción que vou sacando seguen tendo ese ADN Baiuca. Creo que é algo moi definitorio do que é a miña música en canto ao tipo de elementos que emprego, como os emprego, e esas mesturas que sempre hai entre elementos galegos e electrónica.
«Cada disco é un experimento novo. Non me gusta repetirme nin me gustan os artistas que se repiten»
- Que é o que che inspira nas túas creacións?
Depende, cada momento é determinado. Por exemplo para min os ritmos é algo súper importante. Cando estou traballando en inicios de temas sempre intento ter ese movemento, que os corpos que estean escoitando as cancións practicamente se movan sós. Entón para min é algo que sempre o vexo importante cando estou traballando. Despois por exemplo neste disco noto tamén moitas veces cando vexo xente escoitando os temas como a propia inercia che leva a moverte. Iso é algo que tamén me gusta ver, como a música consegue que a xente queira moverse e queira bailar con esta música.
- Como chegas ás cancións e referencias tradicionais que empregas nos teus temas?
Ao final sempre é unha mestura de moitas cousas. Hai veces que son investigacións que vou facendo na rede de músicas, cancións ou melodías que sempre tiven na miña cabeza dende hai moitos anos. Ao final tamén é apoiarse nas persoas que colaboran comigo. Ter a oportunidade de traballar con Felisa Segade, con Xurxo Fernandes, ver que cancións coñecen, que che poden cantar. Os traballos con Lilaina, que elas dedicaron parte da súa vida ás recollidas. Traballar con ese material é algo incrible. Outras veces tamén é aproveitar ese traballo de recollidas que fixeron outras persoas en determinados momentos e avanzar cara adiante nese sentido. Aproveitar todo ese material para poder amosalo e poder dar a miña visión sobre todo iso.

- E na parte gráfica sempre consegues ter unha identidade moi marcada…
Si, gústame moito traballar con artistas que teñan ese punto sempre visual que se poida relacionar cos traballos que levo facendo dende o principio. Eu traballo moito con Adrián Canoura e as ideas que hai con el sempre nos entendemos moi ben. Outras veces, como neste caso, todo o deseño de Barullo foi obra de Carlota Pereiro. Creo que ela soubo aproveitar todas esas ideas que eu lle ía asomando e contando. Estou moi contento de que toda a parte visual vai tendo unha coherencia e vai estando sempre moi relacionada con esa marca Baiuca.


«Estou moi contento de que toda a parte visual vai tendo unha coherencia e vai estando sempre moi relacionada con esa marca Baiuca»
- Moito barullo soará polo mundo neste 2025?
Si, eu creo que vai ser un ano moi bo, unha longa xira. Tamén hai datas xa pechadas en Galicia que van saíndo pouco a pouco. Aínda anunciaron esta semana en agosto en María Pita na Coruña. Creo que vai haber a oportunidade para que o público que non puido vir a estes concertos da Capitol poida desfrutar do show noutros lugares.

Deja un comentario