A revista Rebelico

Este é un soño concibido non hai tanto, pero cuxa base lévame acompañando dende pequena, amasando pouco a pouco a miña vida. A tradición saudoume con sete anos, deume a man e convidoume a entrar na súa dimensión. Ensinoume unha morea de cousas que descoñecía. Todo aquilo que tiña gardado. Sen ver a luz. E fascinoume tanto que quedei.

Quedei e permanecín cando moitos non contaban, en etapas difíciles de aprendizaxe nas que as rutas viran cara a profunda vida adulta. Pero sempre camiñei (e camiño) a carón dunha pandeireta ou dun par de puntos de baile. Porque a escola do ‘tradi’ é escola de vida. Mostra cousas que non se aprenden noutros lugares. Por iso aquel@s @s que formamos parte del somos un mundo á parte.

Grazas a unhas liñas escritas nas follas dun xornal adentreime neste universo. Poderíase dicir que grazas a ese impreso estou hoxe aquí. Por tanto, non era de estrañar que o meu rumbo académico seguira á par do xornalismo.

Dese amor polo xornalismo e, sobre todo, polo tradicional, nace Rebelico: unha revista online de cultura tradicional galega. Esta palabra, Rebelico, sinónimo de repenico, está recollida no dicionario da Real Academia Galega e presenta varias acepcións:

  1. Gubia que se utiliza para tallar adornos nas zocas.
  2. Adorno que pode ter unha peza de roupa, o calzado etc.
  3. Xesto ou acción que amosa excesiva delicadeza ou escrúpulo.

Esa gubia empregábaa meu avó para traballar na madeira, polo que non podía deixar de aparecer encabezando o noso emblema. Na última letra asoma un toxo, un símbolo que reflicte a nosa beleza como pobo, pero tamén a nosa forza e afouteza. E suxeitando esta palabra, cuxa tipografía está inspirada na que empregaba a Revista Nós, atópase un pano de mil cores. Esta peza é característica da indumentaria tradicional do país, toda dunha gran fermosura.

Neste espazo poderedes ler e ver novas, reportaxes ou material audiovisual sobre todo tipo de aspectos relativos á cultura nosa: música, baile, cantigas, lendas, refráns, costumes, literatura, arte, etc., tanto do presente como do pasado, xa que niso consiste a tradición.

Preténdese dar unha cobertura xornalística coidada, respectuosa e verídica sobre a herdanza de Galicia, tantas veces desprestixiada pola sociedade ou nalgúns medios de comunicación. É o momento de que exista unha publicación especializada na que poder informarse sobre este campo.

A nosa tradición é rica. Moito. Aínda quedan centos de cantares por escribir, melodías que tocar, puntos que sacar ou cadros que pintar. Hai moitos xeitos de espallar este legado e nesta revista tentaremos amosar todos os que nos sexa posible.

Porque como dixo o gran referente Afonso Daniel Rodríguez Castelao dende Bos Aires o 25 de xullo de 1948, “Galicia conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Historia mutilada, conta cunha Tradición de valor imponderable, que iso é o que importa para gañar o futuro”.